quarta-feira, 2 de julho de 2014

Pilar Álvarez e Charo Trigo " DOUS PENSAMENTOS" - 01 a 14 de julho


“DOUS PENSAMENTOS
Pilar e Charo, dúas mulleres vinculadas pola arte, nadas en dúas vilas limítrofes, O Rosal e a Guarda, unidas moitos anos atrás e bañadas polo río Miño; ese mesmo río que nos une ao país veciño Portugal e que, con tan só cruzalo,  nos permite compartir tradicións, música, arte…, cultura en definitiva.  
Pilar e Charo, dous pensamentos ben distintos que teñen moito en común, gran vocación pola pintura desde idade temperá e que compaxinan con outras actividades profesionais. As dúas reciben formación plástica da mestra pintora, recoñecida artista guardesa, Alicia Alonso desde a década dos anos noventa.
Os seus amplos currículums avalan a súa experiencia en exposicións individuais e colectivas, que sen dúbida non deixan indiferentes a ninguén que contemple a súas obras.
Non soamente plasman no lenzo o que perciben os seus ollos, senón tamén o que lles proporciona a súa imaxinación, utilizando as máis diversas técnicas coñecidas en pintura.
Se ben comparten formación e teñen moito en común, as diferenzas entre elas son notables e propias da súa personalidade, perspectiva da realidade e do seu estilo cultivado e característico.
As súas obras abarcan diferente temática, paisaxes naturais e urbanos, retratos,  bodegóns.., pero sempre ligado ao seu propio pensamento, dous pensamentos ben distintos que fan da exposición que comparten, un lugar cheo de luz, cromatismo, sensibilidade e harmonía.
É o meu desexo para o público asistente a esta nova mostra pictórica, que as obras creadas por Pilar e Charo lles esperten as sensacións que elas mesmas nos desexan transmitir.

Charo Tabales Perozo

Concelleira de Cultura do Concello do Rosal

Pontevedra

 
Mª DEL PILAR ÁLVAREZ RODRÍGUEZ 

 
 
 
 
Mª DEL ROSARIO TRIGO VICENTE
 
 
 
 

Sem comentários:

Enviar um comentário